Co patio de butacas do Teatro Principal de Pontevedra adaptado ás restricións para evitar contaxios do coronavirus e entre a omnipresenza das máscaras, o xel hidroalcólico e as diversas medidas de seguridade, os concellos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a entidade que xunta a concellos e deputacións de Galicia cos municipios da rexión Norte de Portugal,xuntáronse este 17 de setembro para trazar as que, ao seu xuízo, deben ser as prioridades da era post-COVID.

As cidades do Eixo Atlántico teñen a vista posta nos fondos de reconstrución que chegarán aos Estados español e portugués dende a Unión Europea. O poder local da eurorrexión reivindica ser “protagonista” nuns anos nos que vai haber que “actuar no territorio, e quen o coñece somos nós”, resumiu na inauguración da xornada a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na súa calidade de vicepresidenta do Eixo.

Ler máis